QUÉN SOMOS?

Sergio Zearreta e María Angeles Iglesias
Verdeveras Expresións Artísticas naceu en Santiago de Compostela, Galicia no ano 2011, como unha ferramenta para dar forma aos nosos propios proxectos artísticos.

“Arte para axudarnos a ver”, como dicía Galeano; con todos os sentidos, agregamos nós. Por iso pensamos Verdeveras Expresións Artísticas coma unha plataforma de creación sostida polos alicerces do teatro e a música, onde poidan dialogar linguaxes como  a danza e as artes plásticas. 

Poida que polo noso espírito nómade e pola necesidade de compartir con moitas isto que facemos, as propostas son adaptables a espazos diversos. Encántannos por suposto as grandes salas, pero tamén gozamos da proximidade dos sitios pequenos.

Propoñemos un Teatro comprometido coa actualidade, que nos permita reflexionar e moitas veces rir do que nos acontece. Un teatro practicamente artesanal, con coidado por cada detalle, e feito con moitísimo amor. Creacións orixinais: ideas, textos, realización, posta en escena, músicas, movementos...

En outubro do 2024 estreamos "As formas do amor" en Coprodución co CDG (Centro Dramático Galego), unha peza para público adulto dirixida por Gena Baamonde, que está  de xira nestes momentos. (máis info na lapela corresopondente).

Somos María Angeles Iglesias (actriz-dramaturga) e Tato López (músico e compositor).

Na actualidade, María Angeles tamén protagoniza Comando Comadres de Matrioshka Teatro xunto a Anabell Gago e Chelo Dorejo; e Tato xira presentando o seu cuarto disco: Humano, e ao seu grupo de cordas AKSAK;  mentres realiza diferentes actividades en relación coa música en Casa da  Trova, primeira escola de composición de cancións de Galicia.

 A NOSA HISTORIA...

Despois de tres femosos anos, en marzo do 2023 rematamos a xira de "Crónica dunha heterosexual insatisfeita" (público adulto en Coprodución co Centro Dramático Galego), e comezamos a andar con "Escritas de corazón", para público infantil. (Máis info na lapela correspondente). 

"Tacóns Na Corda” (2011) a nosa primeira creación foi seleccionada dende o comezo pola Rede Cultural da Deputación de A Coruña e polos Cim´s. É recoñecida por abordar con humor cuestións de xénero, reflexionar sobre estereotipos e prexuízos, e combinar música con teatro.

Para a realización de "Desalmad@s" (2014), contamos co apoio e a colaboración de figuras recoñecidas dentro do teatro galego como Carlos Neira (dirección), Xus Raíndo (movemento). A estrea desta obra no Salón Teatro de Santiago de Compostela, supuso un recoñecemento ao traballo e un estímulo para seguir creando. Unha creación feita para falar da soidade e a loucura.


"Un lugar chamado mundo"
En decembro do 2016 estreamos "Un lugar chamado mundo" (Facebook) obra de teatro infantil musical que recupera a regueifa como parte do patrimonio tradicional galego, traballa sobre o xénero, a multiculturalidade, as diversas visións do mundo e o coidado do medioambiente. Con este mesmo fío condutor, ofrecemos un conto musical/concerto didáctico adaptable a distintos espazos e idades.  

"Crónica dunha heterosexual insatisfeita" (Coprodución co CDG), a nova comedia para público adulto, revisa o desexo como motor da vida e a posibilidade de cumprir novas fantasías a calquera idade. Unha excusa para falar con honestidade de nós coa ferramenta contundente do humor.  

 

Podes atopar máis detalles de cada unha das pezas nas lapelas correspondentes:
Por favor, non dubides en contactarnos:
verdeverasea@gmail.com
671 872 453
 








No hay comentarios:

Publicar un comentario

Nota: solo los miembros de este blog pueden publicar comentarios.