ESCRITAS DE CORAZÓN

“Escritas de corazón” é unha obra de teatro de formato adaptable, pensada para persoas entre cinco e nove anos acompañadas das súas familias.  Rescata a beleza da comunicación por correo, promove a escritura a man e o coidado do idioma e das palabras.
Lembras a alegría de ter unha carta para ti na caixa de correos, ou a expectativa por saber se unha carta túa tería chegado ao seu destino?  

Sabemos que a escritura a man é moi beneficiosa en varios aspectos, pero aínda así, as novas tecnoloxías e a aceleración dos días, fan que optemos por outras formas de comunicación e de expresión. É un formato que estamos a perder, pero que permite deixar pegadas da nosa propia vida e mesmo expresar cousas que as veces non podemos verbalizar doutro xeito.

“Escritas de corazón” pretende contaxiar o pracer de escribir a man coa intención de que este tipo de comunicación volva ser algo cotián, tamén para as persoas que pola súa idade, están a iniciarse na escritura ou levan pouco tempo nela.

“Escritas de corazón” tamén aporta unha reflexión sobre a diversidade das persoas e os seus tempos, a posibilidade de ser o que queiras ser e a importancia de relacionarnos dunha maneira respectuosa xerando redes de comunicación e colaboración onde cada unha xoga un papel destacado...

Escribir para ser, para lembrar, para non esquecer, para facer presente, para comunicar, para imaxinar, para crear... Escribir!

-Breve descrición da obra (sinopse):

Pilar tiña un pasatempo favorito: fochicar no armario da súa avoa para xogar con roupas de cores, chapeus e colares. Unha noite atopa algo moi valioso entre os xerseis: o cofre coas cartas que a súa avoa e o seu avó intercambiaban cando eran mozos. Este “incidente” fai que decida en que se converterá de maior.  Si, Pilar é escritora de cartas!

Coidadora das palabras, escribe da súa propia man e preséntanos ao carteiro e á caixa de correos, dous colaboradores indispensables para que as cartas cheguen ao seu destino. Pero coidado! Cada unha ten o seu ritmo, como as persoas...

Como é o xeito de escribir? Como selecciona e organiza as palabras. Podes axudala? Seguro que tí tamén tes moito que contar.

-Inspiración do proxecto: “Heartlettering, O meu proxecto de vida”:

“Escritas de corazón” está inspirada en "Heartlettering O meu proxecto de vida"(Herartlettering, Mi proxecto de vida), unha iniciativa de Pilar Polo García. Comezou a súa andaina en febreiro do 2017 e xa escribiú mil seiscentas cartas para moitos e diferentes recunchos do planeta.

O proxecto foi medrando, namorando a diferentes persoas e tecendo redes de escritoras de cartas nunha gran e bonita comunidade que recibe e envía correspondencia.

A artista catalá Esther Voltá creou o cadro que podemos ver no selo postal propio deste proxecto e que tamén adoptamos como cartel da nosa obra. Heartlettering e Pilar Polo contaxian a paixón de escribir e de enviar cartas. 

Nós coñecemos o seu traballo de cada día e sabemos que a súa é unha fermosísima historia para compartir e reflexionar sobre a maxia das palabras viaxeiras cos máis pequenos. Niso estamos...

 

 

No hay comentarios:

Publicar un comentario

Nota: solo los miembros de este blog pueden publicar comentarios.