CRÓNICA DUNHA HETEROSEXUAL INSATISFEITA

Dende os inicios plantexamos este proxecto como un espazo de creación aberto e transversal, no que distintas persoas das artes escénicas sumaron miradas. O núcleo da proposta é a peza teatral  "Crónica dunha heterosexual insatisfeita" que se complementa coa exposición itinerante “SuperheroinaS” de diversas artistas plásticas..   A intención é traballar dun xeito diferente, aportar novos sentidos, inspirarnos mutuamente, darnos visibilidade e tecer redes que nos permitan medrar en conxunto.


A PEZA TEATRAL

INTERESE ARTÍSTICO E CULTURAL:

“Crónica dunha heterosexual insatisfeita” convídanos a reflexionar sobre normas ou parámetros pre establecidos que facemos propio sen pensar se hai unha opción diferente que teña máis que ver con nós mesmas. Aborda temas como a sexualidade, a parella, os soños e as frustracións, os desexos e as fantasías dunha muller que se anima a probar algo diferente, a “ser” da maneira máis completa e diversa posible reivindicando o seu dereito ao pracer.
En tanto creación artística, a intención é poñer luz sobre iso que está oculto, conmover e xerar espazos para a reflexión coa contundente ferramenta do humor.


SINOPSE:
Unha muller absolutamente común, desas que saben que non aparecerán xamais en ningún libro de historia, descobre que se está a facer vella, e que se non muda algunha cousa vai morrer conxelada. Decide entón, concretar unha das súas fantasías e convidarnos para que sexamos testemuñas do seu gran momento. Esta será en principio, a reconstrución dunha viaxe cara a dentro, para reoñecer cales son os seus desexos e as súas motivacións nunha etapa de balances vitais; pero logo verémola transformarse, como unha eiruga que despois dun tempo no seu casulo renace bolboreta e se bota a voar, espléndida, por primeira vez.  


ANTECEDENTES:


Tal e como sucede en anteriores creacións de María Angeles Iglesias en "Verdeveras Expresións Artísticas" a muller está no centro da proposta.


Mulleres con discurso propio e con ganas de falar do que lles pasa, do que cren, do que senten e mesmo, do que desexan. Mulleres fóra do socialmente aceptado e establecido pero ao mesmo tempo, absolutamente reais e recoñecibles.
Esta non é só unha muller que denuncia, é tamén unha muller que resolve, que fai e, neste facer, transfórmase. Non é un referente feminino nin pretende selo. É simplemente unha muller. Unha muller que decide dar un paso, cambiar algo do que é, en lugar de queimalo todo. Unha muller que pregunta: “Por que non?, Por que non?”


A PROPOSTA: UN XOGO ENTRE A REALIDADE E A FICCIÓN

Dende o comezo, pretendemos desdebuxar o límite entre realidade e ficción; actriz/personaxe e público/participante. Construímos ficción nas nosas “vidas reais” e l@s asistentes serán tamén parte necesaria desta “posta en escena” en calidade de espectadores. O público foi convocado e aceptou, coa súa presenza, participar deste xogo. Realidade? Ficción? Que porcentaxe de cada cousa? As/Os presentes serán cómplices necesarios na construción desta ficción feita realidade... Ou desta realidade da ficción.

A actriz/personaxe recibe ao público/participante, e ten con el@s e co técnico de luz unha relación directa. Non existe cuarta parede.
Ela e o espazo transformaranse aos poucos, e terán sentidos diferentes no correr da obra. Unha muller normal que se transforma en superheroina; un "espazo de ficción" que pasa de standar a glamouroso polo tratamento da luz.
O corpo en toda a súa dimensión, é un dos signos máis importantes desta peza. Como a personaxe defínese a si mesma como alguén do montón, a actuación será naturalista, mostrando un corpo cómodo e relaxado. Con todo, esta forma cotiá e recoñecible crebarase con momentos de maior enerxía corporal e baile.
 

SUPERHEROINAS NAS IMAXES: EXPO ITINERANTE


A exposición itinerante “Superheroinas” acompaña a peza teatral para complementar e dar novos significado á historia. Que é unha súperheroina? Podemos re-pensar a imaxe da superheroina e crear outras que respondan os ideais nos que cremos? O concepto de "superheroe" non é algo co que necesariamente acordemos. Tampouco sentímonos cómodas coa idea de muller que pode con todo, pero sabemos que hai poucas referentes de superheroinas femininas e interésanos explorar as súas formas, o imaxinario que espertan, os seus supostos poderes e as causas que defenden.

As ilustradoras convocadas son diversas en idades, en experiencias e nas técnicas que utilizan para expresarse. Confiamos en que isto é unha riqueza.
Todas comprometémonos a nomear o proxecto e ao resto das compañeiras cada vez que utilicemos os debuxos creados para outros fins. Forman parte do equipo: Xoana Almar (Cestola na Cachola), Rebe Cierto, Alejandra Lorenzo, Cristina G. Cao e Raquel Germade

Aquí o vídeo