“Os discursos dominantes non están no aire. Están nos nosos corpos. Reproducímolos “sendo” nas nosas relacións e vidas” (Laura Latorre "Conjugar el amor) .Reproducímolos sendo, tamén, nos nosos teatros... Ou non?
Unha peza alegre, chea de música, conmovedora e necesaria polo seu impacto positivo en valores nos que cremos: o amor, a igualdade entre mulleres e homes, a necesidade de mostrar en teatro masculinidades sensibles, e a posibilidade de construir vínculos saudables e respectuosos especialmente nos momentos de dor ou separación.

Podemos contar algo máis sobre o amor? Cremos que si, e despois de varias funcións de xira, estamos seguros de que o público tamén o cre.
EXISTEN OUTROS AMORES. NECESITAMOS OUTRAS HISTORIAS.
SINOPSE. TEXTO PROMOCIONAL:
Ela e el foron parella. Foron deses amores inesquecibles que marcan un antes e un despois na vida, porque todo o poñen patas para arriba, revísano,sacódeno, desmóntano e vólveno armar. Logo dun tempo distanciados, talvez hoxe sexa o día xusto para volver atoparse por primeira vez. Unha viaxe polas emocións. Unha historia para reflexionar sobre iso que chamamos “amor”.
A HISTORIA - RESUMO (só uso interno, non publicar):
Dúas persoas atópanse e volven atoparse. Dúas persoas coñécense, namóranse e comprométense nunha vida en común.Ámanse cun amor real e por tanto, transgresor. Ela nunca quixo ser nai. El despois de anos xuntos, vai manifestar que quere ser pai .Este é o nó da nosa historia. A formulación que o cambiará todo. A chave que abre a porta a novas reflexións e ao descubrimento de que soltar pode ser outra das formas do amor.
EQUIPO ARTÍSTICO:
- Texto orixinal: María Angeles Iglesias
- Dirección: Gena Baamonde
- En escena: Sergio Zearreta + María Angeles Iglesias
- Escenografía e Iluminación: Octavio Mas
- Espazo sonoro e música orixinal: Tato López
- Produce: Verdeveras Expresións Artísticas
- Coproduce: Centro Dramático Galego
- Colabora: Dirección Xeral de Promoción de Igualdade
- Apoia: Concello de Vimianzo (Estrea 5 de outubro 2024)