QUÉN SOMOS?

Verdeveras Expresións Artísticas naceu en Santiago de Compostela, Galicia no ano 2011, como unha ferramenta para dar forma aos nosos propios proxectos artísticos.

“Arte para axudarnos a ver”, como dicía Galeano; con todos os sentidos, agregamos nós. Por iso pensamos Verdeveras Expresións Artísticas coma unha plataforma de creación sostida polos alicerces do teatro e a música, onde poidan dialogar linguaxes como  a danza e as artes plásticas. 

"Escritas de corazón"
Poida que polo noso espírito nómade e pola necesidade de compartir con moitas isto que facemos, as propostas son adaptables a espazos diversos. Encántannos por suposto as grandes salas, pero tamén gozamos da proximidade dos sitios pequenos.

Propoñemos un Teatro comprometido coa actualidade, que nos permita reflexionar e moitas veces rir do que nos acontece. Un teatro practicamente artesanal, con coidado por cada detalle, e feito con moitísimo amor. Creacións orixinais: ideas, textos, realización, posta en escena, músicas, movementos...

Despois de tres femosos anos, rematamos a xira de "Crónica dunha heterosexual insatisfeita" (última peza teatral para público adulto en Coprodución co Centro Dramático Galego), e comezamos a andar con "Escritas de corazón", a nova peza para público infantil. (Máis info na lapela correspondente).

Somos María Angeles Iglesias (actriz-dramaturga) e Tato López (músico e compositor).

Na actualidade, María Angeles tamén protagoniza Comando Comadres de Matrioshka Teatro xunto a Anabell Gago e Chelo Dorejo; e Tato xira presentando o seu cuarto disco: Humano, e o seu grupo de cordas AKSAK;  mentres realiza diferentes actividades en relación coa música en Casa da  Trova, primeira escola de composición de cancións de Galicia. 

 A NOSA HISTORIA...

"Tacóns Na Corda” (2011) a nosa primeira creación foi seleccionada dende o comezo pola Rede Cultural da Deputación de A Coruña e polos Cim´s. É recoñecida por abordar con humor cuestións de xénero, reflexionar sobre estereotipos e prexuízos, e combinar música con teatro.

Para a realización de "Desalmad@s" (2014), contamos co apoio e a colaboración de figuras recoñecidas dentro do teatro galego como Carlos Neira (dirección), Xus Raíndo (movemento). A estrea desta obra no Salón Teatro de Santiago de Compostela, supuso un recoñecemento ao traballo e un estímulo para seguir creando. Unha creación feita para falar da soidade e a loucura.


"Un lugar chamado mundo"
En decembro do 2016 estreamos "Un lugar chamado mundo" (Facebook) obra de teatro infantil musical que recupera a regueifa como parte do patrimonio tradicional galego, traballa sobre o xénero, a multiculturalidade, as diversas visións do mundo e o coidado do medioambiente. Con este mesmo fío condutor, ofrecemos un conto musical/concerto didáctico adaptable a distintos espazos e idades.  

"Crónica dunha heterosexual insatisfeita" (Coprodución co CDG), a nova comedia para público adulto, revisa o desexo como motor da vida e a posibilidade de cumprir novas fantasías a calquera idade. Unha excusa para falar con honestidade de nós coa ferramenta contundente do humor.  

 

Podes atopar máis detalles de cada unha das pezas nas lapelas correspondentes:
Por favor, non dubides en contactarnos:
verdeverasea@gmail.com
671 872 453
 







No hay comentarios:

Publicar un comentario

Nota: solo los miembros de este blog pueden publicar comentarios.